A Agricultura Ecolóxica non para de medrar

Galicia aumentou en máis dun 20% o volume de vendas certificadas de produto ecolóxico no 2014. Isto supón un aumento na facturación con respecto ao ano anterior de máis de 5,3 millóns de euros, ao pasar dos preto de 26 millóns de euros do ano 2013 aos máis de 31 millóns do ano pasado. Foi un dos datos expostos na presentación da memoria de 2014 do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

No eido do volume de vendas, sobresae o sector do leite e os derivados, que o ano pasado acadaron un volume económico de máis de 9,5 millóns de euros. Cómpre destacar tamén o incremento de máis dun 5% no número de inscritos (produtores e elaboradores) neste consello regulador, que pasou dos 656 afiliados no 2013 aos 703 no 2014. No relativo á superficie inscrita no colectivo, conta con máis de 15.000 hectáreas para a produción en ecolóxico.

Através de diferentes liñas para diversas actividades de promoción, información e programas de control de calidade, a Xunta incrementou en máis dun 43% as axudas ao Craega, pasando dos máis de 132.000 euros destinados no 2013 aos máis de 189.000 de 2014.