Xornada de familiarización xornalística co Parque das Illas Atlánticas

O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas acollerá o vindeiro 10 de marzo as I Xornadas para profesionais dos medios de comunicación sobre este espazo. O lugar de realización desta xornada é o Edificio Cambón, que acollerá a un máximo de 65 participantes, que deben acreditar que son profesionais dos medios, preferentemente en activo. Esta actividade inclúe unha inauguración, a presentación das características do parque, unha visita ao centro de visitantes e embarque dende o Porto de Vigo ata Cíes para a realización dunha visita guiada.

O período de inscrición comprende dende o 18 de febreiro ao 5 de marzo de 2015. No caso de que as solicitudes superen a oferta de prazas, a participación estará suxeita á orde de chegada de solicitudes, sempre que se cumpran os requisitos respecto aos destinatarios. Os participantes admitidos que finalmente non poidan asistir, deberán comunicar a súa renuncia o antes posible, co obxecto de poder chamar a outras persoas da lista de espera.

O obxectivo fundamental destas xornadas é ofrecer aos profesionais do sector da comunicación unha información actualizada e precisa sobre os aspectos máis relevantes deste espazo protexido, único da súa categoría en Galicia. Neste sentido, os medios de comunicación estarán máis formados para exercer unha divulgación eficiente dos valores naturais e culturais do parque, que vaia máis aló dos seus atractivos turísticos e polo tanto, axude á súa conservación.