Turismo: Obxectivo superado, novos retos no horizonte

O Consello da Xunta fixo balance do Plan integral de turismo de Galicia tras un ano desde a súa implantación e aprobou actualizar algúns dos seus obxectivos despois de que fosen superados no pasado ano. Deste xeito, o dito estudo amosou que tanto os obxectivos dos indicadores de xestión como as principais liñas que se están a seguir, están sendo acadadas tal e como recolle o calendario deactuación, e mesmo están sendo superadas con grande éxito.

Un dos principais obxectivos fixados no Plan que xa foron superados foi o relativo ao turismo internacional. O número de viaxeiros internacionais que elixiron os establecementos regrados da nosa comunidade no ano 2014 superou o obxectivo proxectado do millón, ao rexistrarse 1.063.612. Así, o Consello da Xunta aprobou hoxe elevar o obxectivo de viaxeiros internacionais para o ano 2016 á cifra de 1.250.000.

Tamén se superaron os obxectivos previstos para o gasto que realizaron estes viaxeiros internacionais. No pasado ano os turistas internacionais gastaron na nosa comunidade 895.230.334 euros. O Consello da Xunta fixou a nova cifra obxectivo do gasto do turismo internacional para o 2016 en 1.050 millóns, fronte aos 836 millóns de euros prognosticados.

En canto á cifra de viaxeiros aloxados en establecementos regrados, superou en 2014 o obxectivo marcado dos 4 millóns de turistas ao contabilizarse neste período 4.042.776. Neste senso, o Consello da Xunta acordou incrementar a dita marca aos 5 millóns de viaxeiros.