Turismo de Galicia participa en varios certames

Nesta semana, Turismo de Galicia participará na feira Fiets en Wandelbeurs, de Amberes, centrada no turismo de natureza, e no workshop de turismo de reunións The Meeting Space Spring, que se desenvolverá na cidade francesa de Cannes. Así mesmo, o organismo da Xunta de Galicia encargado da promoción turística da Comunidade galega, participará, por quinto ano consecutivo, na feira especializada en ornitoloxía, FIO.

Turismo de Galicia participará entre os días 28 de febreiro e 1 de marzo no certame turístico Fiets en Wandelbeurs, dedicado fundamentalmente ao sendeirismo, á bicicleta e aos deportes de contacto coa natureza. Neste certame, ademais o departamento de promoción turística da Xunta de Galicia difundirá tamén os valores do Camiño de Santiago e a oferta relacionada coa Ruta Xacobea.

Así mesmo, Turismo de Galicia participará entre os días 26 e 28 de febreiro na xuntanza de traballo The Meeting Space Spring, un dos principais foros de encontro entre provedores e destinos turísticos británicos, alemáns, rusos e dos países nórdicos especializados no mercado de turismo de negocios –congresos, convencións e reunións de empresa-.

Polo que respecta á feira FIO, que se celebrará entre os días 27 de febreiro e 1 de marzo no Parque Nacional de Monfragüe en Cáceres, Turismo de Galicia instalará un espazo de promoción independente a través do que dará a coñecer a oferta galega relacionada coa ornitoloxía.