Turismo de Galicia inverteu máis de 550 euros en mellorar albergues

Turismo de Galicia inverteu en 2014 máis de 550 mil euros nas obras efectuadas nos 70 establecementos que conforman a rede pública de albergues do Camiño e que ofrecen un total de 3.278 prazas ao longo das distintas rutas xacobeas.

A dotación destas prazas de aloxamento, o feito de ter unha rede perfectamente estruturada e habilitada para a acollida aos peregrinos, así como o feito de contar con prazas adaptadas a persoas con diversidade funcional conforman unha infraestrutura de aloxamento galega digna do Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Entre as ditas acuación están as melloras levadas a cabo no albergue de Xunqueira de Amabía, encamiñadas a mellorar a habitabilidade do albergue debido a que nas zonas comúns se alcanzaba en verán unha temperatura moi elevada. Desta forma, o albergue mellorou as súas condicións de acollida e ventilación.

Situado na Vía da Prata, o albergue de Xunqueira de Ambía foi inaugurado no ano 2000 e, tras a súa reforma no ano 2009, conta cun total de 24 prazas.

Este albergue pertencente á rede pública da Xunta de Galicia e xestionado polo concello de Xunqueira de Ambía, rexistrou, no pasado ano, un total de 1.924 pernoitas das 21.337 rexistradas nesta ruta xacobea.

A Vía da Prata conta con doce albergues dentro da rede pública – A Gudiña, Verín, Laza, Viladerrei, Vilar de Barrio, Sandiás, Xunqueira de Ambía, Ourense, Cea, Lalín, Bandeira e Vedra-, nove deles na provincia de Ourense e tres na provincia de Pontevedra, que ofertan un total de 396 prazas de aloxamento.


No 2014, preto de 8.500 peregrinos escolleron a Vía da Prata para facer o seu camiño a Compostela, o que sitúa esta ruta na quinta máis transitada.