O recinto feiral Brussels Expo acolle o Salon das Vacances onde Turismo de Galicia promoverá un ano máis, ata
o vindeiro domingo 8 de febreiro, a oferta turística da comunidade. Trátase dun dos principais puntos de encontro das feiras turísticas
europeas. Un foro no que profesionais e público do mercado belga se reúnen no
maior evento turístico do país para coñecer as principais novidades do sector.

Tras máis de medio século de andaina, este certame consolidouse como
escaparate do turismo internacional ante numerosos visitantes e profesionais
que acoden ano tras ano á cita. Este ano 2015 celébrase a 57 edición deste
encontro, que contará con máis de 800 expositores. A súa asistencia media en
cada edición é dunhas 100.000 persoas. En concreto, na pasada edición asistiron
un total de 100.576.
Os visitantes deste certame no espazo galego adoitan ser viaxeiros que
planifican e organizan individualmente as súas vacacións, programando estadías
de entre sete e quince días. Tamén a marca España Verde está moi consolidada
neste mercado e un gran numero de viaxeiros belgas a Galicia percorren as
comunidades que a conforman, iniciando o seu percorrido no País Vasco e
rematando na nosa comunidade. Outra variante de viaxeiro tamén opta por iniciar
en Galicia a súa viaxe e concluír en Portugal. Para facer estes percorridos o
medio de transporte máis habitual escollido polos viaxeiros belgas é o vehículo
propio.
No pasado ano 2014, os turistas procedentes de Bélxica supuxeron o 1,8%
do total do turismo internacional recibido na nosa comunidade durante o dito
período de tempo. Deste xeito, no pasado ano, máis de 16 mil turistas belgas realizaron
en Galicia un total de 27.700 pernoitas.