Termalismo saudable coa Deputación de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os representantes dos balnearios da provincia asinaron o  “Convenio de colaboración para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal” 2015, unha iniciativa que supón a posta en marcha do máis completo programa de España no que atinxe a ocio e saúde termal.

A convocatoria ábrese mañá para todos os beneficiarios que desexen inscribirse no programa. Inclúe modalidades de estancias de 6 días ou de fins de semana nos cinco establecementos balnearios da provincia de Ourense: Arnoia, Laias e Lobios, pertencentes ao grupo Caldaria, e os de Baños de Molgas e O Carballiño, aos que se sumará en breve o Balneario de Cortegada. O programa tamén contempla tratamentos de termalismo, actividades culturais e “Viaxes termais” dende máis de 40 estacións de tren de diferentes comunidades autónomas, que inclúen prezos especiais nos billetes e traslados dende a estación de Ourense aos balnearios, ida e volta.


Manuel Baltar asinou o convenio con Rafael Luaña, representante do Grupo Caldaria Termal; Eduardo Laherrán, do balneario de Baños de Molgas, e José María de la Figuera, do Gran Balneario de Carballiño. Tamén estiveron presentes no acto de sinatura os alcaldes dos concellos ourensáns que contan con establecementos balnearios: Lobios, Cenlle, O Carballiño, Baños de Molgas, Arnoia e Cortegada, e o director da Área de Benestar da Deputación de Ourense, José Juan Cerdeira, quen explicou os aspectos técnicos do programa de “Termalismo saudable 2015”.