Nova ordenación dos establecementos hoteleiros

Turismo de Galicia acordou co Clúster do sector a nova ordenación dos establecementos hoteleiros e albergues turísticos.Os ditos decretos foron sometidos, así mesmo, ao Consello do Turismo de Galicia e á consulta das organizacións máis representativas do sector aos efectos de incorporar as súas aportacións e a valoración do sistema establecido como adecuado para a consecución dos obxectivos vinculados á modernización e a competitividade.

A modificación da regulación dos establecementos hoteleiros ten como obxectivo introducir un sistema de cualificacións novidoso que permita ter en conta, por unha parte, as infraestruturas e o cumprimento duns mínimos obrigatorios para todos os establecementos da mesma categoría, e por outra parte, os servizos prestados polos establecementos, ofrecidos á libre elección dos titulares dos mesmos.

Neste novo sistema de clasificación por puntos, valóranse tanto a importancia da percepción da calidade que teñen os consumidores e usuarios, coma os requisitos mínimos que se teñan que cumprir en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, adecuados aos estándares xerais do sector. Así mesmo, inclúe a posibilidade de mellorar a competitividade dos establecementos, mediante un sistema flexible da clasificación cun espazo que permite a innovación empresarial no noso territorio.

Así, a novidade máis destacada é a introdución de parámetros de calidade do servizo na categorización dos establecementos, mais alá dos puramente métricos ou cuantitativos. Neste senso, introdúcense criterios de servizos de cariz prestacional, de confortabilidade, mobiliario e equipamentos das habitacións, acceso aos servizos complementarios, servizos de restauración, servizos de telecomunicacións, entre outros. Así mesmo, introdúcense elementos de flexibilidade na rixidez métrica das superficies esixidas coa finalidade de facilitar a rehabilitación de edificios, a conservación do patrimonio histórico e artístico e unha adecuada adaptación da norma tentando de harmonizalo tanto co resto de normas doutras comunidades autónomas coma coas do noso entorno máis inmediato, en especial coa normativa europea.