Industria saca unha liña de axudas para o comercio galego

A Consellería de Economía e Industria abrirá este vindeiro xoves, 12 de febreiro, o prazo de presentación de solicitudes do programa de axudas para impulsar a calidade e a innovación no sector comercial e artesán galego, dotado con 2,5 millóns de euros.

A través desta convocatoria, que forma parte do programa de renovación do tecido comercial galego, os comercios e as empresas artesás poden obter axudas para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, avanzando así na incorporación do smart commerce, baseado na interrelación co cliente, complementando a súa experiencia de compra presencial cos diferentes canais comerciais.

Tamén para a implantación de ferramentas que melloren a xestión do negocio e o deseño dos seus produtos que non fosen utilizadas con anterioridade; e para o desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetado. Para este tipo de iniciativas tanto comerciantes como obradoiros artesanais poden sumar axudas de ata 11.500 euros.

Ademais, como novidade os comerciantes poden obter apoios de ata 6.000 euros para o acondicionamento do local comercial, e para medidas orientadas á mellora da imaxe exterior e a adquisición de moblaxe e equipamento.


Dentro desta orde, no marco do impulso ao asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia específica de apoio ao sector, con diferentes programas ao longo do ano, as federacións de comerciantes poderán optar a apoios de ata 3.000 euros para o desenvolvemento de sistemas de m-commerce (comercio a través do móbil), aplicacións e webs móbiles.