Galicia ratifícase como líder nacional da clasificación de distintivos
Q de Calidade ás instalacións náutico recreativas. Os portos galegos suman
actualmente 13 dos 20 distintivos a peiraos deportivos outorgados polo Instituto
para a Calidade Turística Española (ICTE) en toda España.
Os xestores das instalacións náutico recreativas que ostentan este
galardón veñen de recibir a súa certificación na Feira Internacional de Turismo
Fitur, en Madrid. En concreto trátase das entidades encargadas da xestión dos
portos deportivos de Cabo de Cruz (Boiro), Portonovo (Sanxenxo), Club Náutico
de Sada, Ribeira, Ría de Ares, Pedras Negras (O Grove), Nauta Sanxenxo, Real
Club Náutico de Vigo, Cangas, Ribadeo, Club Náutico de Sanxenxo e Portosín
(Porto do Son).
Todos os clubes merecedores da Q de Calidade pertencen á Asociación de
Clubes Náuticos de Galicia, Asnauga, que impulsou a obtención destas
certificacións coa colaboración de Portos de Galicia. O presidente do ente
público, José Juan Durán, trasladou aos clubes a súa felicitación polo traballo
realizado para a consecución deste galardón. Esta norma de calidade, pioneira
no ámbito específico das instalacións náutico recreativas, establece uns
requisitos que definen o nivel de servizo ao cliente, incrementando o valor
engadido da propia instalación e impulsando o seu atractivo turístico.
As certificacións de calidade na prestación de servizos dos portos
galegos únense ao recoñecemento ambiental que recibiu a comunidade autónoma o
pasado verán ao ser galardoada con 17 Bandeiras Azuis aos Portos de Galicia.