Estrella do Turismo ao Camiño

A Revista Turismo concedeu o premio Estrella do Turismo ao Camiño de Santiago como proxecto europeo con máis futuro. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recolleu o galardón das mans do Embaixador de Italia en España, Pietro Sebastiani, na gala de entrega da primeira edición destes premios que reuniu en Madrid a representantes das embaixadas e delegacións de turismo de todo o mundo.

Estes premios xorden co obxectivo de enxalzar as empresas, marcas, países ou proxectos, que mellor souberon adaptar o sector aos novos tempos e marcar unha traxectoria impecable e positiva no ámbito turístico.


A revista distinguiu o Camiño de Santiago como o proxecto cultural con máis futuro en Europa e destacou que é “unha das rutas de peregrinación máis emblemáticas do mundo e unha autopista de unión entre os europeos”. Así mesmo, valorou os proxectos e plans de promoción turística y cultural, así como, as campañas, exposicións, conferencias e publicacións, que, segundo explicou “acercan aos pobos a Galicia e converten ao Camiño na ruta máis universal do planeta”.