Desembarco galego en Navartur

Turismo de Galicia ten esta semana unha nova cita cunha das feiras de promoción e comercialización do ámbito turístico máis importantes do calendario en España. Trátase da Feira Internacional de Turismo Navartur que celebra entre os días 20 e 22 de febreiro a súa décima edición. 

Turismo de Galicia promocionará neste certame o amplo abano de produtos turísticos que ofrece a  nosa comunidade como destino global e proporcionará información relativa as diversas rutas que conforman o Camiño de Santiago.

A feira, que terá lugar no Palacio de Ferías y Congresos Baluarte de Pamplona, ten un carácter mixto acollendo tanto a profesionais como a público en xeral. O certame conta cun espazo expositivo no que participarán un total de 110 expositores que ofrecerán máis de 500 destinos nacionais e internacionais. 

A feira Navartur está experimentando unha importancia crecente nos últimos anos no ámbito profesional do turismo sendo unha feira cada vez máis coñecida e valorada polos resultados que ofrece. Na pasada edición 31.879 visitantes pasaron por Navartur, un récord absoluto de todas as edicións celebradas ata a data.

Ademais, a feira compleméntase cunha importante oferta de actividades paralelas entre as que destaca o VI Congreso Internacional de Turismo Rural ao que se espera que asistan uns 250 profesionais.

O congreso considerado como o evento máis importante relacionado co Turismo Rural que se celebra no sur de Europa, centra o seu programa desta edición nos retos de futuro do turismo rural, con temas tan importantes e interesantes como o papel da muller no turismo rural, a importancia do asociacionismo e o relevo xeracional. Sobre estes e outros temas xirará o programa de relatorios, mesas redondas, obradoiros e espazos de networking.