Capón de Vilalba con selo europeo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se adopta decisión favorable para a inscrición da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Capón de Vilalba no Rexistro comunitario de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

Isto significa que transcorrido o período establecido sen que se formulasen oposicións a este rexistro se procederá a comunicar esta resolución ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para a súa transmisión á Comisión Europea. Con este trámite complétase a tramitación a nivel nacional do Capón de Vilalba como produto amparado por unha IXP.


Ao tempo, o DOG publica hoxe o prego de condicións que debe cumprir o produto amparado. Este documento recolle desde o nome do produto ata as normas para a súa etiquetaxe, pasando pola súa descrición ou a zona xeográfica de cría, sacrificio e procesamento dos capóns, que se corresponde coa comarca luguesa da Terra Chá (concellos de Muras, Xermade, Vilalba, Abadín, A Pastoriza, Guitiriz, Begonte, Cospeito e Castro de Rei).