Blogueiros do entroido

Un grupo de nove blogueiros, fotógrafos e xornalistas especializados en información turística comezan hoxe unha viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia co obxectivo de promover o Entroido galego, especialmente aqueles declarados de interese turístico.

Nesta viaxe, que se estenderá ata o vindeiro martes día 17, os blogueiros e os profesionais da información turística poderán coñecer os entroidos da Comunidade galega e participar nos principais eventos que terán lugar estes días, especialmente nos relacionados con aqueles declarados de interese turístico.


Esta actividade pecha o programa previsto por Turismo de Galicia para promover o Entroido 2015, logo de que o pasado día 24 de xaneiro celebrase un desfile dos entroidos de interese turístico de Galicia na cidade de Santiago de Compostela e desenvolvese unha acción de difusión masiva a través do encarte dun folleto en todos os xornais de Galicia o pasado domingo.

O programa da viaxe comezou en Ourense, onde os participantes coñeceron os principais recursos termais da cidade, ademais dun dos entroidos urbanos con maior participación. Hoxe domingo estarán no desfile de Entroido da vila de Verín e logo trasladaranse ata Viana do Bolo para participar na Festa da Androlla e coñecer así os personaxes e o ambiente entroideiro deste concello ourensán.