A Xunta aproba o Plan de conservación do humidal protexido lagoa e areal de Valdoviño

O Consello da Xunta aprobou o decreto do Plan de conservación do humidal protexido lagoa e areal de Valdoviño, que se converte deste xeito no primeiro dos humidais protexidos de Galicia que conta con esta figura de protección. O plan parte dun exhaustivo diagnóstico sobre os principais riscos que afronta o lugar para establecer unha regulación de usos e unhas liñas de acción para a recuperación, protección e divulgación dos valores naturais do humidal.

O documento de planificación establece un protocolo de actuación para evitar a ruptura violenta da barreira natural da lagoa, coa apertura dunha canle temporal que reproduce a canle natural de desaugadoiro e que minimiza o risco de afección neste espazo, nos seus hábitats e nas persoas.

A lagoa de Valdoviño, que constitúe un dos cinco humidais protexidos de Galicia, está formada pola lagoa litoral da Frouxeira e por un sistema dunar en moi bo estado de conservación. Este complexo húmido constitúe un dos lugares de maior diversidade de Galicia, tanto pola presenza de hábitats naturais e seminaturais de especial relevancia como polo importante número de especies da fauna e flora protexidas.

Este lugar conta con diferentes declaracións para preservar os seus valores naturais: humidal de importancia internacional (convenio Ramsar), zona de especial protección para as aves (ZEPA), zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN), humidal protexido e zona de especial conservación (ZEC). Por tal motivo e co obxectivo de compatibilizar a protección e conservación do espazo natural cos condicionantes de poboación existentes, desenvólvese o plan de conservación.