A
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de presentar o
programa de actividades para o primeiro trimestre de 2015 do Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde destacan as
rutas guiadas, as xornadas de difusión e investigación, así como as exposicións
e proxeccións. As actividades están dirixidas ao público en xeral e na súa
maioría son gratuítas.
Unha das
actividades que se mantén, debido ao seu éxito e demanda, son as visitas
guiadas no Centro de Visitantes do Parque nacional, tamén coñecido como
Edificio Cambón, e as Illas Cíes. Con este tipo de iniciativas buscase que os
visitantes coñezan os valores naturais e patrimoniais dos
catro arquipélagos (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) que conforman o Parque
Nacional Marítimo Terrestre.
Trátase de actividades divulgativas que
consisten en visitas guiadas polas distintas salas do centro co fin de coñecer
a historia, as paisaxes, a biodiversidade, as especies e ecosistemas máis
representativos así coma o significado e valor dos espazos que conforman as
illas.
A importancia destas visitas radica no feito
de dar a coñecer os valores naturais e patrimoniais dos arquipélagos destacando
que calquera centro escolar ou outros colectivos que así o desexen poden
participar deste tipo de iniciativas guiadas cubrindo unha solicitude que se
atopa na páxina web www.parquenacionalillasatlanticas.com
ou poñéndose en contacto co centro.