Viaxe virtual a Galicia en Fitur

O stand Turismo de Galicia na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur), un dos principais puntos de encontro do sector turístico e un dos certames sectoriais de maior repercusión mundial, demais dos diferentes prismas dende os que se poden descubrir as singularidades do destino Galicia acollerá arredor de 30 presentacións dos recursos, produtos e destinos turísticos de Galicia dirixidas aos profesionais e aos medios de comunicación. O recinto feiral Juan Carlos I de Madrid- Ifema acollerá a vindeira semana, entre os días 28 de xaneiro e 1 de febreiro, Fitur, que chega a súa 35 edición.

O pavillón galego contará cos seguintes módulos expositivos: Galicia; establecementos con Q de Calidade Turística; as catro provincias galegas; o Turismo Urbano; o Camiño de Santiago e o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e experiencias turísticas en Galicia.

Un dos grandes atractivos da participación de Galicia nesta nova edición de Fitur a ofrecerán as distintas aplicacións de realidade virtual e aumentada que a Axencia Galega de Innovación amosará no expositor. Entre elas destaca a aplicación de realidade virtual Botafumeiro, desenvolvida por CIS Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.  Durante a primeira xornada da feira, os visitantes poderán visualizar a través dun casco de realidade virtual o famoso Botafumeiro da Catedral de Santiago, tanto en movemento como de xeito estático, a escala real.

Por primeira vez, o expositor de Galicia contará coa participación activa do Clúster de Turismo de Galicia. Deste xeito, o expositor de Turismo de Galicia servirá de plataforma e punto de encontro para as relacións comerciais dos empresarios e profesionais do sector turístico galego. 

 Así mesmo, nesta edición, o expositor de Turismo de Galicia contará cun novo módulo dedicado á Artesanía de Galicia. Nel os visitantes poderán descubrir un dos máis importantes símbolos tradicionais de Galicia a través dunha exposición de pezas emblemáticas da artesanía da nosa comunidade.

Segundo datos da organización, nesta edición, a dita feira sectorial crece en número de participantes directos un 12% en un 4% en superficie de exposición, concentrando a oferta de 165 países e agardando a visita de máis de 200.000 visitantes de todo o mundo, dos que espérase que 120.000 sexan profesionais. Nesta ocasión, o expositor de Turismo de Galicia estará situado nas parcelas 9C05 e 9C07 no Pavillón 9 e ocupará unha superficie total de 967 m2.