Illa de Sálvora |
A Consellería
de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas organiza por segundo ano
consecutivo o programa de rutas guiadas Descubrindo
o Parque Nacional, que pon en marcha o Parque Nacional Marítimo-Terrestre
das Illas Atlánticas de Galicia. En total organízanse cinco rutas e visitas
guiadas gratuítas aos arquipélagos do Parque Nacional Illas Atlánticas.
Con este
programa de visitas preténdese animar aos cidadáns a coñecer os valores destes
enclaves naturais fóra da tempada de verán, nunha época de menor afluencia, e
na que se descobre os seus valores dende outro punto de vista. Estas visitas
fanse con grupos reducidos coa fin de poder ofrecer a máxima calidade de visita
a este espazo protexido.
A primeira das
actividades, que leva por título Unha
viaxe no tempo, está programada para o día 14 de febreiro e o destino é o
arquipélago de Cíes. Trátase dunha ruta lineal de dous quilómetros, na que
poderán participar un máximo de 40 persoas. A previsión é saír do porto de Vigo
ás 10:30 horas, para chegar ás 18:00 horas ao mesmo punto. Non obstante, as
persoas interesadas en participar deben inscribirse antes do 10 de febreiro.
As outras catro
rutas son: o 22 de febreiro ao arquipélago de Sálvora, o 7 de marzo a Ons, e por
último, á illa de Cortegada con dúas visitas, o martes 5 e o domingo 15 de
marzo.