Potenciando os mercados de abastos

A Consellería de Economía e Industria pon en marcha unha nova convocatoria do programa de axudas aos concellos galegos para potenciar as prazas de abastos, dotada con preto de 3 millóns de euros, co obxectivo de consolidalas como líderes na venda de produtos frescos e de calidade e impulsar a súa excelencia con novos e mellores servizos para os consumidores.

Os municipios de ata 70.000 habitantes poderán optar a axudas para a modernización dos mercados que chegan aos 150.000 euros. Estes proxectos de mellora poden incluír, ademais da remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario das prazas de abastos, actuacións para a redución do consumo enerxético ou dos residuos xerados, entre outros.

 Os concellos que os desenvolvan deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial aos praceiros. Estas actividades de formación e asesoramento, que se apoiarán cunha axuda máxima de 1.800 euros, estarán encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.

Co mesmo obxectivo de atraer máis clientela aos mercados, apóianse con ata 3.000 euros a posta en marcha de actuacións de dinamización e promoción de vendas por parte dos concellos. Ademais, como novidade primaranse as iniciativas que inclúan a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

A iniciativa enmárcase na aposta da Xunta por potenciar as prazas de abastos galegas, facilitando nos últimos seis anos a mellora de máis de 80 mercados con apoios por máis de 17 millóns. O Goberno galego, que traballa na posta en marcha dunha Rede de Mercados Excelentes, impulsa nas prazas unha venda moderna, con novos servizos, ao tempo que se mantén a súa esencia, baseada na calidade, a diversidade, e a atención ao cliente.


Neste contexto, ademais do programa destinado a colaborar cos concellos galegos, tamén se activa a convocatoria de apoios ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e os mercados de abastos, dotado con 2,2 millóns de euros.