Medalla para o Xacobeo

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comunidade Valenciana entregou ao Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo a súa medalla en recoñecemento á colaboración que, ao longo dos anos, mantivo esta Sociedade da Xunta de Galicia co colectivo radicado en Valencia.

A medalla foi entregada pola Presidenta da Asociación, María Ángeles Fernández Fernández - tamén presidenta da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago- ao Xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela.

María Ángeles Fernández fixo entrega da medalla “en recoñecemento á dilatada e inestimable colaboración do Xacobeo ao longo dos anos que permitiu sacar adiante moitos dos proxectos da nosa Asociación”.
Así mesmo, a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comunidade Valenciana resaltou na súa intervención o importante apoio que desde Turismo de Galicia, especialmente a través do Xacobeo, se ten realizado con dita asociación apoiando as súas iniciativas e actividades.


Pola súa banda, Rafael Sánchez agradeceu a distinción e transmitiu o agradecemento a esta Asociación e todos os seus asociados polo “impagable labor que día a día realizan na sinalización e difusión do Camiño de Santiago e a cultura xacobea”.