Galicia Calidade, reforzo turístico

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, asinaron un acordo que permitirá incorporar o selo Galicia Calidade ao sector turístico galego, funcionando como aval da excelencia das súas empresas. Unha iniciativa pioneira en España, subliñou Conde, que buscará “diferenciar ao turismo galego dos seus competidores, poñendo en valor os nosos atractivos, o que nos fai únicos”.

Neste senso, resaltou que o acordo posibilitará que o selo de garantía, que suma hoxe máis de 50 empresas e 250 produtos tras crecer un 10% en ambos eidos en 2014, garanta o carácter único de determinados establecementos turísticos galegos, reforzando desta maneira o labor de certificados como a Q de calidade ou o ISO. En concreto, o conselleiro resaltou que a concesión do selo Galicia Calidade responderá no eido turístico a uns valores complementarios e específicos do turismo galego: arquitectónicos, medioambientais, paisaxísticos, culturais, ou gastronómicos.

O acordo ten ademais como obxectivo potenciar os produtos de orixe galega. Un dos requisitos para obter a calificación de Galicia Calidade será a presenza manifesta de produtos autóctonos e produtos alimenticios amparados polas Indicacións Xeográficas Galegas, unha iniciativa baseada na convicción de que o sector turístico, desde as casas de turismo rural ata os restaurantes, supoñen o mellor escaparate para a promoción dos produtos autóctonos.