Galicia amosa o seu potencial termal en Thermalies

O potencial termal de Galicia, tanto no ámbito dos recursos como no da oferta de servizos e aloxamentos, poderase difundir esta semana en Francia a través da feira Thermalies, un dos certames turísticos especializados máis importantes de Europa, no que Turismo de Galicia instalará un recinto propio para mostrar toda a riqueza termal galega.

Trátase dun certame no que os visitantes adoitan mercar directamente a súas estancias en centros termais e así a participación galega na feira resulta indispensable para dar a coñecer os valores termais galegos e apoiar a comercialización dos servizos. Así, entre os días 22 e 25 de xaneiro, o sector termal de Galicia terá unha excelente oportunidade de se promover entre o público francés, un dos que máis se decanta polo turismo de saúde na conxunto europeo.

Deste xeito, nesta mostra, a Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia (AEITEGAL) contará cun espazo propio para intermediar directamente co público que asista estes días de feira ao Carrousel do Louvre.

Galicia é a comunidade líder no conxunto do Estado en canto á oferta mineiro-medicinal, con máis do 20% dos establecementos balnearios e tamén é a comunidade con maior número de establecementos termais distinguidos coa Q de calidade do Estado, xa que 8 dos 36 balnearios españois que contan con esta distinción son galegos.