Galicia acolleu o pasado ano 17 viaxes de familiarización turística

Axentes de viaxe rusos
Organizadas por Turismo de Galicia, o pasado ano tiveron lugar na Comunidade galega 17 viaxes de familiarización turística, unha forma de promoción turística que, baseada no coñecemento ‘in situ’ do destino, ten, por un lado, unha grande importancia para os axentes de viaxe, porque poden prescribir o destino cun mellor coñecemento, e, por  outro, un gran valor publicitario para o territorio receptor xa que os seus atractivos e recursos turísticos son difundidos mediante reportaxes e informacións variadas nos medios de comunicación.

As viaxes de familiarización trouxeron a Galicia en 2014 un total de 85 persoas, entre as que se inclúen xornalistas e operadores turísticos. Os representantes dos medios de comunicación foron 63, mentres que os operadores turísticos foron 22. Canto ao número de viaxes, 3 foron viaxes para operadores turísticos e 14 foron press trip, viaxes para xornalistas.

Con respecto á orixe dos participantes nas viaxes de familiarización organizadas por Turismo de Galicia en 2014, estes procedían maioritariamente do mercado internacional, 76 persoas, e 9 viaxeiros españois. Deste xeito, Turismo de Galicia organizou 15 viaxes de familiarización para xornalistas e operadores turísticos do exterior, e dúas para profesionais nacionais.