O Museo
Arqueolóxico de Ourense, que depende da Consellería de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria, ten programada unha serie de eventos para estas datas
de Nadal, e anima a todos os ourensáns e ourensás a que visiten as exposicións
sobre o Padre Feijoo e sobre Parada Justel.
Estas
exposicións enmárcanse dentro das máis de 70 actividades previstas polo
departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad nos museos e bibliotecas que
dependen del en toda Galicia con motivo das festas do Nadal.
Deste xeito,
no marco desta programación expositiva cómpre lembrar que ata o día 2 de
febreiro pode visitarse a mostra ‘Os satélites. Parada Justel’ no centro municipal
José Ángel Valente, sito na antiga sede do Banco de España. Trátase dunha
exposición organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial
de Ourense, na que se pon de manifesto o inmenso valor artístico da obra de Ramón
Parada Justel, un membro da extraordinaria Xeración Doente da que tamén formaban parte Ovidio Murguía, Xaquín
Vaamonde e Jenaro Carrero.
Tamén promovida polo Museo Arqueolóxico, ata o
18 de xaneiro mantense aberta no centro social Afundación a exposición ‘O Padre
Feijoo. Cidadán libre da República Literaria’, unha mostra organizada pola
Xunta de Galicia en colaboración co Consello da Cultura Galega con motivo do
250 aniversario do falecemento deste persoeiro. Este evento enmárcase dentro da
programación da Consellería de Cultura e Educación para, con motivo desta
efeméride, contribuír a espallar o importante legado do Padre Feijoo, un
intelectual que ofreceu nos seus escritos propostas renovadoras en campos como
a ciencia, a educación, a lingua e a cultura.