Turismo de
Galicia iniciou esta semana a campaña de promoción de 2015 coa presentación da
oferta turística galega en Holanda e Finlandia, nos que presentou as principais
novidades para este ano e promocionou o Camiño de Santiago e o turismo náutico. Así, dende o pasado día 13 e ata hoxe, 18
de xaneiro, Turismo de Galicia participa na feira Vakantiebeurs, de Utrecht
(Holanda), onde está a difundir os valores turísticos da Comunidade galega.
Neste certame, no que España é o país convidado, o organismo da Xunta
encargado da promoción turística de Galicia centra a súa presenza na difusión da
oferta turística xeral da Comunidade galega, o Camiño de Santiago e o turismo
náutico.
Nesta feira o departamento de Turismo da Xunta de Galicia presta unha
atención especial á promoción do Camiño de Santiago ao obxecto de difundir o
fenómeno das peregrinacións a Compostela en Holanda e incrementar o número de
peregrinos desta nacionalidade que o ano pasado supuxeron xa un total de 3.458,
un 1,45% máis que no ano 2013.
A presenza de Turismo de Galicia na feira Vakantiebeurs ten tamén como
obxectivo reforzar a promoción do turismo náutico neste mercado emisor, que
conta cunha clara vocación náutica e ofrece un gran potencial para Galicia.
Por outra parte, Turismo de Galicia está presente na feira MATKA de
Helsinki, onde está a promover a oferta turística xeral de Galicia e as súas principais novidades para este ano 2015 así
como o fenómeno das peregrinacións a Compostela. Nesta feira, os dous primeiros días estiveron dedicados aos profesionais
do turismo mentres que os días 17 e 18 o público xeral pode acudir tamén a este
certame.
Por outra
parte, Turismo de Galicia ten previsto participar ao longo deste mes nas feiras
Thermalies, Holiday World e FITUR. Así, entre
os días 22 e 25 de xaneiro, o departamento de promoción turística da Xunta de
Galicia estará no Carrousel du Louvre, en París, para promover o turismo termal
galego no certame Thermalies.
Logo, Turismo
de Galicia participará na feira Holiday World, de Dublín, para difundir os
valores turísticos galegos entre o público irlandés. Por último,
a Comunidade galega participará de xeito global na feira FITUR 2015, de Madrid,
un dos certames turísticos máis importantes de mundo e un dos mellores
escaparates para a promoción turística de Galicia ao comezo do ano.