A promoción e difusión conxunta do produto turístico surf
constituirá unha das apostas máis decididas da marca turística España Verde da
que forman parte as comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e o
País Vasco para atraer visitantes ás súas costas ao longo de 2015.
Nesta política común enmárcase a promoción do Pantín Classic
Galicia Pro’, que ocupa un lugar moi destacado, e xa constitúe unha das probas
de surf máis importantes do calendario internacional. De feito, na última
edición inscribíronse 183 surfistas de moi
distintos países, dos que 110 foron homes e 73 mulleres.
Por iso, en 2015, a ‘Pantín Classic Galicia Pro’ xa ten
reservadas as datas, entre o 1 e o 6 de setembro, para a celebración da súa
edición número 28 dentro do elenco das máis prestixiosas competicións deste
deporte náutico.
Os catro territorios do norte de España contan con vantaxes
competitivas neste eido dentro do ámbito español e así, espérase que este
produto chegue a converterse nun dos catro produtos vertebradores da marca
España Verde.
Dese xeito, xa ao longo de 2015 desenvolveranse accións de
promoción turística internacional que posibiliten o posicionamento deste
produto que comezará a comercializarse baixo a denominación ‘Surfing Northern
Spain’ .
Segundo os resultados das distintas xuntanzas levadas a cabo
polas catro comunidades autónomas que conforman a marca España Verde, o
vindeiro ano levaranse a cabo distintas accións de promoción nos principais
mercados emisores da marca, entre eles Gran Bretaña, Alemaña e Italia.
Deste xeito, para 2015 está prevista a organización dunha
viaxe de familiarización para xornalistas e outra para operadores turísticos
dos anteditos países. Tamén se prevé a inserción de información turística sobre
as posibilidades do surf no territorio da marca España Verde en medios de
comunicación especializados de Gran Bretaña.