A Costa da Morte abre oco turístico

Nos once primeiros meses do ano 2014 a cifra de viaxeiros nos establecementos hoteleiros do destino Costa da Morte incrementouse nun 47%, con preto de 150.000 viaxeiros. Subiu tamén durante este período de tempo o volume de pernoitas en máis do 71%, acadando a cifra das 253.000.

Ests datos foron falitados co gallo da reunión que a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo esta mañá coa alcaldesa de Cee, o alcalde de Fisterra e representantes da Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) para abordar asuntos relacionados coa promoción do destino Costa da Morte e a coordinación no seu desenvolvemento turístico.

O motivo da reunión foi intercambiar información para avanzar conxuntamente na potenciación do destino turístico Costa da Morte e mellorar a competitividade da súa oferta turística. Durante a reunión abordouse tamén a posibilidade da posta en marcha nas próximas semanas dun xeodestino cunha oferta integrada impulsada conxuntamente co fin de aproveitar sinerxías e convertelo nun destino competitivo.

Así mesmo, os representantes da Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte trasladaron á directora de Turismo de Galicia o seu interese pola posta en marcha de plans de formación que abarquen temáticas como a aplicación das TIC ao turismo ou cursos de inglés ou atención ao cliente para a hostalería.

Ademais os presentes falaron sobre os espectaculares datos rexistrados no pasado ano 2014 na Costa da Morte o que supuxo que fose o destino de mellor comportamento da demanda hoteleira de toda Galicia pois rexistrou os crecementos de maior intensidade tanto en termos globais –viaxeiros e pernoitas- coma en cada un dos segmentos de mercado –nacional e internacional.