A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a
colaboración entre o departamento que dirixe, o sector privado e as outras
institucións de promoción turística como un “elemento clave” para o éxito do
turismo galego que nos 11 primeiros meses do ano 2014 medrou un 6,9% en
relación ao mesmo período do ano 2013.
Nunha entrevista no programa ‘Galicia por diante’ da Radio Galega, Nava
Castro referiuse ao traballo conxunto entre Turismo de Galicia e o sector
privado para coñecer mellor a demanda turística de Galicia e desenvolver
accións de promoción e comercialización unidireccionais.
Así, engadiu, que en 2014, e tras a creación do clúster Turismo de
Galicia, tivo lugar a participación conxunta con este grupo empresarial en
distintos eventos como a feira World Travel Market e está prevista a asistencia
aos certames FITUR de Madrid e ITB de Berlín, xa en 2015, ademais da
organización de viaxes de familiarización para axentes de viaxes ou
xornalistas.
Ademais, neste ámbito, a directora de Turismo de Galicia salientou tamén
a colaboración institucional entre os distintos departamentos públicos con
competencia na promoción e apoio á comercialización turísticas, citando como
exemplo o programa ‘De tapas por Galicia’, que ao longo do pasado outono
aglutinou baixo unha mesma marca os certames de tapas das sete cidades galegas
e que, segundo manifestou Nava Castro, “en vez de realizarse de xeito
individual, desenvolveuse de forma colectiva para atraer turismo de
proximidade”
No ámbito da colaboración público-privada, Nava Castro tamén se referiu
ás accións que se levan a cabo nos mercados internacionais, dos que citou, en
Asia, Xapón, Corea e China; en Hispanoamérica, Brasil, Arxentina, México e
Colombia; e os mercados emisores tradicionais de Galicia, Francia, Italia e
Gran Bretaña “e por suposto, Portugal,
que marca a tendencia e que volverá a incrementar a súa presenza”.