A Xunta de
Galicia, a través de Turismo de Galicia, participara dende hoxe ata o xoves día 18 de
decembro nunha misión comercial para a promoción dos produtos e servizos
turísticos galegos nos Estados Unidos de Norteamérica en colaboración co
operador Exclusively Spain e Turespaña.
Nesta misión
comercial, Turismo de Galicia participará en tres presentacións da oferta
turística galega a axentes de viaxes locais. Deste xeito, o programa de
promoción en Norteamérica comeza hoxe en Salt Lake City (Utah), cunha
presentación no Hotel Grand America.
O día 17
está prevista unha presentación en Costa Mesa (California), no Hotel Wyndham, e
o día 18 desenvolverase unha xuntaza cos axente turísticos da cidade de Phoenix
(Arizona), no Hotel Palomar Phoenix.
O obxectivo
desta campaña de presentacións nos Estados Unidos de América é continuar co
lanzamento e promoción do destino Galicia que a Xunta, a través de Turismo de
Galicia e en colaboración con Exclusively
Spain, vén desenvolvendo nos dous últimos anos e que xa levou ao turismo
de Galicia a se promover nos estados de Oregón e Colorado, ademais de
California.
Así, ao
longo dos dez primeiros meses do ano 2014, xa visitaron Galicia máis de 72.000
viaxeiros procedentes dos Estados Unidos de Norteamérica, o que supón un 29,2% máis
que no mesmo período de 2013.