A Denominación de Orixe Ribeiro organiza un concerto
enoacústico de Pablo Carbonell a prol da cociña económica de Santiago, que se
celebrará o 6 de decembro na Capela Real do Parador Hostal dos Reis Católicos
da capital galega. O evento consistirá na cata comentada de dous viños brancos
da D.O.Ribeiro, Vilerma 2013 e Viña Mein 2013 da man do director técnico do
C.R.D.O. Ribeiro, Pablo Vidal e o posterior concerto en acústico de Pablo
Carbonell de, aproximadamente, 90 minutos. Así mesmo, haberá varias sorpresas
para o público asistente.
A cita comezará ás 21.30 horas, aínda que o recinto abrirá
portas ás 21.00, e xa ten as súas entradas donativo á venda, a un prezo de 12
euros, na Reixa Tenda (Rúa de Mazarelos, 9). Todos os beneficios do concerto
serán destinados á Cociña Económica de Santiago.
Durante o concerto, que está organizado pola D.O. Ribeiro e
conta co patrocinio de Banco Sabadell Gallego e a colaboración de Paradores, os
asistentes poderán gozar dos viños previamente presentados acompañados por pinchos
preparados polo Hostal dos Reis Católicos exclusivamente harmonizados para
enxalzar o saboroso dos ribeiros brancos a prezos populares.