PODER, DISCRIMINACIÓN E XUSTIZA

Con este número, o 191, segundo da triloxía coa que celebramos memorialmente os vinte anos de HG&T, confirmamos tamén, sobre unha evidente vontade de superación dos momentos máis difíciles, a confianza na viabilidade da prensa especializada, o convencimento da súa función divulgativa, de servizo orientativo aos diferentes subsectores que dinamizan a actividade económica e social, arredor de puntos de converxencia común. Volverán ver nestas páxinas, ata qué punto a revista ten cumprido ese papel de eixe aglutinador e de encontro dos diferentes vectores confluíntes: os dos que teñen necesidade de mercar, os dos que teñen función de ofrecer. 

Neste proceso agromou aquela modesta publicación inicial fai, máis ca un cuarto, un terzo de século
ben longo, en xestación dende un par de décadas atrás e abonada intensivamente no quinquenio precedente a 1995.

Afirmámonos, pois, na profesionalización e nos dereitos que lle son propios. HG&T non é uhna publicación de afeccionados, un voluntarismo feito na saliña de estar doméstica, o resultado dun “hai que procurarse a vida como se pode”, o aporte dun bloguer amateur…. Este é un proxecto profesional, amparado na experiencia, implicado no coñecemento dos sectores concomitantes, comprometido coa investigación da súa problemática, como premisa para unha divulgación rigorosa. 

Só quen a ten, pode opinar cabal e críticamente. HG&T leva vinte anos imprimíndose en papel, creando postos de traballo e o modesto negocio que se corresponde coa súa dimensión. E máis de vinte anos facendo camiño ao andar na aprendizaxe, a atención, a dinamización e a interlocución. Douse unha líña editorial, que non só lle corresponde por dereito, senón por obriga para cos sectores
que lle confían a súa atención. Nesa orientación coa vista no futuro e o ouvido no presente, o dereito da crítica é ferramenta que consideramos irrenunciable, o mesmo que a pluralidade informativa. Esa é a diferencia coas publicacións panegeristas.

Por profesionalidade, coherencia e sentido do deber, publicamos vai para tres anos, os indicios de corrupción en Cehosga, federación empresarial aliada nos inicios. Nada máis doloroso, pero nada máis “obrigado”, do contrario seriamos confesores non xornalistas. A resposta foi o ataque, o intento de afogamento tanto por parte da patronal -denuncia xudicial incluída, e finalmente sobreseída- como da autoridade política que preferiu deixar andar a esclarecer a verdade, a que agora parece asomar ao socaire dos cursos de formación investigados na Coruña. Pactouse, una vez máis, matar ao mensaxeiro.

E o mensaxeiro non fixo máis que advertir da realidade. Se alguén foi levado a actuar de xeito discriminatorio, ten agora ocasión propicia para rectificar e ser xusto.