O Mar da Fin do Mundo: Marcados para sobrevivir

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, La Caixa, a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra e o Grupo de Acción Costeira Ría de Arousa promoven a presentación do documental “Marcados para sobrevivir” ao sector pesqueiro, un acto que ten como obxectivo achegar ao público a importancia do coñecemento científico para a correcta xestión dos recursos pesqueiros.

As proxeccións, programadas para os días 12 e 18 de decembro en Arcade e O Grove, serán o punto de partida para crear un espazo de comunicación directa entre investigadores, xestores, pescadores e todo o público asistente, a través dun coloquio co equipo responsable deste documental.

A longametraxe presenta impactantes imaxes submarinas das rías galegas para divulgar o labor "serio e metódico" dos científicos que investigan para establecer unhas normas de explotación racionais. Mostra os avances realizados nos últimos anos no estudio dos lábridos, raias mariñas e centolas na costa galega, así como de tiburóns peláxicos no Océano Atlántico mediante a marcaxe e seguimento de exemplares destas especies.


Marcados para sobrevivir é a segunda entrega da serie “O Mar da Fin do Mundo”, de José Irrisarri. Ao igual que a primeira, foi galardoada coa Barandilla de Ouro á mellor longametraxe no Ciclo Internacional de Cine Submarino de San Sebastián, o certame máis importante de España nesta materia.