O Camiño do Norte constituirá ao longo do ano 2015 o elemento
fundamental de promoción internacional da marca turística España Verde, da que
forman parte as comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e o País
Vasco, xunto a Turespaña, segundo se acordou na última reunión de coordinación
deste distintivo turístico.
Para o ano 2015, está prevista a organización de distintas actividades
de mercadotecnia nos mercados emisores máis importantes para o turismo do norte
de España, no que salientan os produtos relacionados coa natureza, a cultura e
a gastronomía.
Ademais, España Verde ten previsto realizar varias viaxes de
familiarización para axentes de viaxes e xornalistas, de xeito que poidan
realizar o percorrido desta ruta xacobea a través dos distintos territorios que
conforman a marca.
Entre as accións máis salientables para a promoción do Camiño do Norte,
España Verde ten previsto organizar en colaboración co Instituto Cervantes,
unha exposición itinerante en varios centros cos que conta este organismo na
contorna internacional.
Polo que atinxe a este Camiño, a marca turística España Verde prevé
tamén a organización de actividades de promoción a través da distintas
asociacións de peregrinos distribuídas en varios países, para o que xa se está
a contactar coas máis importantes.
Xunto ao Camiño do Norte, España Verde ten previsto intensificar en 2015
a promoción internacioanal da práctica do surf como un dos reclamos turísticos
máis destacados no litoral das catros comunidades do norte de España.