A futura Lei de Mellora da Estrutura
Territorial Agraria de Galicia (METAGA) impulsará o aproveitamento sustentable
da terra coa identificación de zonas idóneas para a produción de cultivos. Así
o sinalou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa
Quintana, que explicou que a identificación destas zonas se realizará a través
dos Plans de Ordenación de Predios de Especial Vocación Agraria (POPEVA).
A conselleira indicou que este plan se redactará
para cada zona de reestruturación parcelaria e subliñou que deberá ter en conta criterios de carácter
técnico que ordenen o uso do solo, de xeito que se poida xerar unha maior
riqueza produtiva agraria. A METAGA promove a participación directa na
elaboración destes plans e noutros documentos e tamén propón permitir a xestión
das masas comúns con vocación agraria co compromiso de utilizar os beneficios
na parroquia.
Por outra
banda, esta norma promove como alternativa ás persoas
propietarias de fincas que non se atopan en disposición de conservalas adecuadamente,
a súa incorporación ao Banco de Terras. Neste sentido, o proxecto de lei propón
que se permita a declaración de determinados perímetros de fincas como
abandonados cando se dean circunstancias como o risco de incendio, que xa fosen
obxecto de incendio ou que exista demanda de terra polas explotacións
existentes.
Así, os
titulares destes terreos deberán optar entre traballalos, arrendalos de forma
privada a terceiros que os traballen ou ser incorporados ao Banco de Terras. De
non optar por ningunha destas tres vías poden ser sancionados en base á Lei de Mobilidade
de Terras con sancións que oscilarán entre os 300 e os 3.000 euros.