Axentes do Servizo de Gardacostas en
colaboración con axentes da Policía Autonómica e da Garda Civil realizaron un operativo en Carril (Vilagarcía de Arousa) que se saldou coa
incautación dunha embarcación e co comiso de máis de 280 quilos de ameixa.
Por unha banda, nas inmediacións do porto de
Carril, os axentes requisaron unha embarcación da sétima lista por carecer de
documentación. A bordo da embarcación ían dúas persoas e os axentes
identificaron á persoa que a conducía. Esta persoa conta con antecedentes por
marisqueo ilegal.
A embarcación levaba no seu interior camarón e
dous trueiros. Antes de que os axentes de Gardacostas procedesen a requisalos,
o marisco e os aparellos foron lanzados ao mar polos
ocupantes da embarcación. Ademais os ocupantes
da embarcación perforaron a embarcación para afundila, obstruíndo o labor de
inspección dos axentes. Durante esta intervención, preto de onde foi incautada
a embarcación, os axentes tamén requisaron un capacho con 23 quilos de mestura
de ameixa xapónica e fina.
Por outra banda, tamén en Carril, os axentes procederon
á apertura dun furgón propiedade da confraría desta localidade, que foi aberto
polo patrón maior do pósito previo requerimento. No seu interior atopábanse 264
quilos de ameixa babosa, que foi requisada por ser de talla
antirregulamentaria. A mercadoría foi trasladada á lonxa para ser resembrada
esta noite.