A Casa Museo de Valle Inclán, colección visitable

A Casa Museo de Valle-Inclán, en Vilanova de Arousa, ten xa a consideración de “colección visitable”, logo de que o Consello da Xunta autorizara a dita cualificación. O dito acordo establece que esta Casa Museo reúne as condicións e requisitos necesarios para acadar tal consideración cun contido de ámbito local e centrado monograficamente na figura e obra do escritor Ramón María del Valle-Inclán.

Esta consideración permite garantir a custodia e conservación dos fondos que alberga así como regular a visita pública e o acceso a este importante patrimonio material, é dicir, poñer á disposición de todos os cidadáns o legado deste autor galego universal que se atopa na tamén denominada Casa do Cuadrante.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria elevou a proposta ao Consello da Xunta logo da solicitude realizada polo Concello de Vilanova de Arousa, que é a entidade titular e responsable da Casa Museo. O departamento de Cultura da Xunta elaborou a dita proposta logo de obter informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio e da dirección do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.