Viño, rutas e investimento

A Xunta destinou desde o 2012 ata a actualidade un total de 13,8 millóns de euros para a modernización de adegas vitícolas galegas. Díxoo esta mañá a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, na inauguración da III Cata Amateur Ruta do Viño Rías Baixas.

A titular de Produción Agropecuaria fixo fincapé na importancia do sector vitivinícola galego no conxunto do sector agrario, un elemento clave na dinamización socio-económica da nosa Comunidade, polo que desde a Administración “debemos protexelo e impulsar ao máximo o seu desenvolvemento”, dixo. Neste sentido, destacou a importancia da Denominación de Orixe Rías Baixas, a máis importante de Galicia en produción, con máis de 17 millóns de litros comercializados o pasado ano.

Patricia Ulloa tamén destacou o labor e esforzo que realizan os máis de 6.000 viticultores e as case 180 adegas que se dedican á produción de albariño. Así, fixo mención aos “acertos rotundos” das tres apostas que fixeron para consolidarse nos mercados nacionais e internacionais. Entre estas iniciativas están a integración realizada entre os axentes do sector das comarcas do Salnés, O Condado e O Rosal, as tres grandes comarcas vitícolas da provincia de Pontevedra. A segunda das apostas foi a viticultura de calidade baseada  nas variedades autóctonas e nomeadamente no albariño e a última das iniciativas foi a tecnificación na elaboración  dos viños respectando sempre a tradición.

A responsable de Produción Agropecuaria trasladou que a día de hoxe o gran reto do sector vitícola é a comercialización “reto no que a Xunta de Galicia está a poñer gran empeño, promovendo o consumo dos nosos viños, tanto con accións directas como xestionando e facendo chegar ao sector un importante volume de axudas con este fin”.