Un alumno do IES Vilamarín campión do Galiciaskills 2014

O alumno do IES Vilamarín Víctor Reza Sánchez, de 2º do Ciclo Superior de Dirección de Cociña, resultou gañador da medalla de ouro no Galiciaskills 2014, polo que representará a esta Comunidade nos Spainskills de cociña o próximo mes de abril do 2015.

O alumno do Vilamarín, acompañado pola súa titora do centro, Mónica Cernadas Carrera, foi hoxe proclamado campión galego nun acto celebrado esta mañá no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, despois de superar en destrezas ao alumnado representante do resto dos centros de hostalería de Galicia.

Esta escola de hostalería, a única da provincia de Ourense, xa sentou precedentes neste campionato, dado que no I Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2010 o alumno do ciclo de Servizo de restaurante e bar, Guillermo González Gómez xa obtivo a medalla de ouro neste ámbito, sendo tamén medalla de ouro na Olimpíada Nacional de Formación Profesional, Spainskills 2011 e representante de España no Euroskills 2012, onde resultou gañador da medalla de prata na Skill Servizo de restaurante e bar neste Campionato Europeo de Formación Profesional.