Santiago(é)Tapas a todo tren

A sétima edición do Santiago(é)Tapas, que comezou o venres 14, está a funcionar a bo ritmo e a hostalaría da capital de Galicia amósase satisfeita en liñas xerais pola súa marcha. Unha primeira avaliación eleva a máis de 9.000 as tapas servidas ata o momento nos 69 establecementos que toman parte neste concurso de tapas, con 111 creacións distintas a un prezo único de 2 euros.

Pola súa banda, a Denominación de Orixe Ribeiro presenta 6 viños de 6 adegas no Santiago é Tapas e os clientes poderán tomar o seu petisco cun deses Ribeiros a prezo conxunto especial de 4 euros. Os Ribeiros que toman parte desta promoción especial son: Pousadoiro (Fernández Rodríguez, S.C.), Casal de Armán branco (Casal de Armán, S.L.), Beade Primacía (A Portela, S.A.T.), Alberte (Bodegas Nairoa, S.L.), Valdepuga (Valdepuga, S.L.) e Terra do Castelo Treixadura (San Roque, S.C.G.). Ademais, haberá 25 entradas individuais de balde para o Concerto Enoacústico Solidario Pablo Carbonell & Ribeiro do 6 de decembro; serán para eles que acrediten ter consumido petiscos con Ribeiro de 20 establecementos, selando na sección correspondente do seu tapasporte.