Potencia pesqueira

O sector marítimo-pesqueiro galego factura 4.700 millóns de euros e representa o 50% do emprego neste sector no conxunto de España. Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, no acto de inauguración da Conferencia Internacional El futuro de la pesca, que se celebrou esta mañá na sede da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo con motivo da celebración do seu 50 aniversario.

“Galicia é a primeira rexión marítimo-pesqueira da UE, tanto pola súa frota e tripulacións, como polas descargas de pesca fresca, conxelada, produción acuícola e capacidade de transformación e comercialización”, recalcou Rosa Quintana. Neste sentido, dixo que os barcos da nosa comunidade desembarcan case o 70% da pesca fresca de España e máis do 11% da europea. Tamén salientou que o Valor Engadido Bruto da pesca e da acuicultura en Galicia é 25 veces superior ao da UE e 6 veces superior ao de España, segundo datos de 2008.

Ademais a titular de Medio Rural e Mar trasladou que a nosa comunidade ten unha frota operativa de máis de 4.600 buques que desembarcaron o pasado ano nos portos galegos 175.000 toneladas de diferentes especies por un valor económico de 440 millóns de euros. Por sectores específicos, dixo que a acuicultura emprega a máis de 6.432 persoas que o pasado exercicio extraeron 183.000 toneladas de mexillón que xeraron unha facturación de 150 millóns de euros. No caso da cadea de transformación e comercialización salientou que a conserva galega supón o 84% da produción española, xerando o 78% do emprego deste sector en España, o que fai que o noso país sexa a primeira zona produtora da Unión Europea e a segunda do mundo.