O Pemento de Mougán xa ten IXP recoñecida por Unión Europea

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publica hoxe o rexistro do Pemento de Mougán como produto con Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Con este trámite complétase o proceso de recoñecemento deste produto no ámbito da Unión Europea, aos efectos do seu recoñecemento e protección.

Os pementos amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán son os froitos da especie Capsicum annuum,L., sendo a súa área de produción a constituída pola totalidade do municipio de Guntín, en Lugo.

Precisamente o nome da denominación, “Mougán”, é un nome xeográfico que se corresponde coa parroquia do concello de Guntín, dende onde partían no transporte público os pementos destinados ao mercado da capital.


O Pemento de Mougán ten un froito semicartilaxinoso, de cor verde en estado de inmadurez e vermello en estado maduro. O froito é cadrado cun peso que oscila entre os 6 e 15 gramos por unidade. A súa carne é de textura fina e substanciosa, de sabor doce, lixeiramente herbáceo e, ás veces, picante.