Nava Castro disertou sobre o futuro do sector náutico en Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta tarde en Ibernáutica, o ciclo cultural e empresarial co que culminou a Semana Abanca en A Coruña. Na súa intervención “Futuro e desenvolvemento do turismo náutico en Galicia” Nava Castro expuxo os principais recursos vinculados á práctica do turismo náutico en Galicia, dos cales dixo “son envexables”.

A directora de Turismo de Galicia afirmou que desde a Administración turística galega estanse a realizar importantes esforzos para desenvolver e promover este produto. “O noso obxectivo é implementar sinerxías que nos permitan converter a práctica da náutica e os recursos a ela asociados nun factor de desenvolvemento das localidades nas que se asentan”, sinalou na súa intervención. “Así, poder configurar un produto global que dinamice a economía e cree complementariedades para avanzar na consolidación do destino Galicia”, engadiu.

O Plan Integral de Turismo de Galicia salienta, entre as fortalezas da comunidade, a biodiversidade e a riqueza das rías galegas, o liderado de Galicia a nivel nacional en praias e sendeiros con Bandeira Azul, a existencia de eventos deportivos con alto potencial para xerar fluxos turísticos e para articular novos produtos específicos e a oferta de cruceiros que permite a chegada de novos fluxos turísticos.  Deste xeito, a segunda liña do devandito plan céntrase na oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos diferenciais, buscando a desestacionalización e os novos públicos.

Neste senso, Nava Castro explicou que un dos produtos turísticos especializados dirixidos a segmentos de público específico que está incluído no Plan e co que se está a traballar é o turismo náutico. Concretamente no documento inclúese como acción a impulsar, segundo explicou, a organización, mellora e promoción da oferta relacionada co turismo náutico e o seu acondicionamento para a recepción e atención de visitantes e comercialización de experiencias turísticas complementarias que favorezan o intercambio da estanza e o gasto medio diario dos viaxeiros.