O futuro do
sector lácteo galego pasa, entre outras cuestións, por minimizar os efectos
dunha posible taxa láctea e pola
sinatura de contratos de como mínimo 12 meses, nos que o prezo estea
referenciado a algún indicador de mercado. Tamén, porque as organizacións de
produtores aproveiten as potencialidades que lles outorga o paquete lácteo,
negociación colectiva dos contratos de leite entre produtores e compradores, e
pola mellora na xestión técnico-económica das explotacións, incrementando a
base territorial e mellorando a súa eficiencia enerxética. Así o destacou a directora xeral
de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, durante a súa participación na
xornada O sector lácteo galego cara un futuro sen cotas.
Ademais Patricia Ulloa destacou o importante papel que Galicia ten na
produción de leite de vaca a nivel estatal. Neste sentido, lembrou que a nosa
Comunidade aporta o 56 % dos produtores con cota dispoñible, o 40 % das vacas
leiteiras e o 39 % das entregas de leite.
Por outra
banda, salientou que se ten producido un incremento das entregas de leite en
Galicia na serie histórica e nos últimos meses. Así, destacou que na nosa
Comunidade o pasado mes de agosto de 2014 o incremento respecto ao mesmo mes do
ano anterior chegou aos 11,2 millóns de quilos. Ademais, nese mes, Galicia
rexistrou o 37,7% do incremento do total do leite a nivel nacional.