A Xunta de Galicia, a través de Turismo de
Galicia, organizou hoxe unha xornada de promoción directa na capital de
Uruguai, Montevideo, dentro dunha acción de promoción nos mercados emerxentes de América do Sur, ao
obxecto de promocionar a oferta turística galega entre os operadores turísticos
máis salientables.
Nesta misión, organizada por Turismo de
Galicia e Turespaña, hoxe desenvolveuse
na Embaixada de España en Montevideo unha xuntanza de traballo cos operadores
turísticos máis importantes de Uruguai.
Deste xeito, acudiron á cita con Turismo de
Galicia unha trintena de axentes turísticos uruguaios que puideron achegarse de
preto á oferta galega nunha presentación realizada por persoal da Dirección de
Promoción de Turismo de Galicia.
O programa comezou cun almorzo con
xornalistas especializados en Turismo e viaxes en Montevideo, ao que lle seguiu
a xuntanza de traballo cos principais operadores turísticos do Uruguai na
Embaixada de España.
Por outra parte, o día 14 de novembro
celebrarase un encontro de traballo cos operadores turísticos chilenos no Club
de Golf 50 da capital chilena.
Con esta xira promocional, Turismo de
Galicia mantén a súa aposta este ano pola difusión da oferta turística galega
nos mercados emerxentes máis interesantes do panorama internacional.