A Denominación de Orixe Ribeiro desprázase a Barcelona cun
calendario de accións que divulga a calidade dos seus viños a un público
profesional e prescriptor, ao tempo que amplía mercados cunha misión comercial,
composta por 13 adegas, pertencentes á D.O. máis antiga de Galicia.
A capital catalá acolle o Fòrum Gastronòmic entre o 20 e o
23 de outubro e un posto de deseño promovido dende o Consello Regulador servirá
como punto de dinamización da súa proposta na feira profesional. Ademais da
información xeral da Denominación de Orixe, estarán representadas as adegas
Valdavia, Alanís, A Portela, Casal de Armán, Cunqueiro, Eduardo Peña, Finca
Viñoa, Pousadoiro, Ramón do Casar, Rodríguez Méndez, Terra do Castelo, Viña
Costeira e Viña Reboreda.
O Ribeiro está incluído no programa do Fòrum Gastronòmic.
Uns extraordinarios viños da D.O. Ribeiro con aptitudes axeitadas para o seu
envellecemento en botella (viños de garda) serán os protagonistas dunha sesión
dentro da programación do Fòrum, conxugando as súas virtudes coas propostas
gastronómicas de Diego López (restaurante La Molinera, Lalín), o
"cociñeiro do ano" no Fórum Coruña 2014.
As adegas presentes reuniranse con distribuidores e outros
profesionais do sector, que traballan en Catalunya ou se desprazan alí con
motivo do Fòrum. Estas reunións son froito da misión comercial que auspicia o
Consello Regulador dende hai algunhas semanas e que pode servir como elemento
incrementador das vendas dos seus viños en Catalunya, que é un mercado
vocacional e estratéxico para os viños do Ribeiro.
Ademais, o Consello Regulador da Denominación de Orixe
Ribeiro organiza no Eurostars Grand Marina Hotel de Barcelona unha festa
presentación dos viños das adegas participantes. Este evento será unha grande
ocasión para coñecer de primeira man á Denominación de Orixe máis antiga de
Galicia así como ás súas trece adegas presentes.
O acto terá como condutora á sumiller Meritxell Falgueras e
contará con música en directo; está confirmada a presenza de xornalistas
especializados, distribuidores, sumilleres, empresarios do ámbito da
distribución, e do mesmo xeito, representantes da comunidade galega en
Catalunya.