Máis festas de interés turístico

O Consello da Xunta aprobou a declaración de festa de interese turístico de Galicia para a Festa do Botelo do Barco de Valdeorras, o Entroido de Maceda e o Belén Electrónico de Begonte.

A Festa do Botelo celébrase de modo interrompido desde o ano 2001, e conta coa singularidade de ser, na actualidade, unha das poucas que se celebra en Galicia para honrar este singular embutido, típico e xenuíno da comarca de Valdeorras. Esta festa reúne cada ano máis de novecentas persoas nun xantar colectivo no cal se pode degustar o botelo acompañado de cachelos con repolo e chourizos, con viño tinto do Barco, así como a sobremesa de torta de roxóns.

En relación ao Entroido de Maceda non se ten clara a súa orixe, aínda que se ten constancia documental e fotográfica dun traxe do ano 1890, e na actualidade celébrase de xeito interrompido desde o ano 1997. Este Entroido é diferente do resto dos entroidos pola forte personalidade do seu protagonista “O Felo”, non só pola súa vestimenta e máscara, senón polo seu comportamento, posto que é a autoridade nestas datas.

Pola súa parte, a festa do Belén electrónico de Begonte celébrase de modo ininterrompido desde o ano 1972, e a súa singularidade vén determinada polo mesmo feito de realizar un Belén con pezas artesanais e mecanismos electrónicos para o seu movemento que serviu de inspiración a outras iniciativas similares. O valor cultural maniféstase nas múltiples actividades de carácter cultural que complementan a actividade. Este evento converte a Begonte nun lugar de visita imprescindible no Nadal.