Festa aniversario de Ternera Gallega e outros tres Consellos Reguladores

A capela real do compostelán Hostal dos Reis Católicos acolleu a celebración do XXV aniversario de catro dos consellos reguladores galegos de produtos de calidade con máis recoñecemento e proxección dentro e fóra das nosas fronteiras: a Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa e as Indicacións Xeográficas Protexidas Mel de Galicia, Pataca de Galicia e Ternera Gallega. Presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e respaldado por numerosos representantes dos sectores involucrados, o acto reuniu a máis de 250 persoas cun obxectivo común: conmemorar este primeiro cuarto de século facendo un balance positivo da súa traxectoria e apostando decididamente polo futuro, no que teñen o cometido de poñer en valor e dignificar as producións de calidade e servir de motor para o desenvolvemento socioeconómico do agro galego.

Unha actuación musical a cargo do coro de cámara Orfeón Terra A Nosa abriu a gala dando paso á proxección da peza audiovisual “25 anos con Denominación”, un vídeo que percorreu a historia que fixo e fai posible a existencia destes catro consellos reguladores, os fitos máis significativos, os momentos e contextos clave na súa evolución, o paso cara a economías e mercados globais e a necesaria adaptación e modernización tecnolóxica que permitiu constituílos en referentes indiscutibles da produción agraria galega de calidade desde todas as perspectivas e chanzos da cadea de valor. Produtores, industrias, distribuidores e consumidores identifícanse hoxe en día con este saber facer de calidade, embaixador da marca Galicia en todo o mundo.

Unha degustación de produtos con denominación de calidade amparados polos consellos reguladores galegos puxo fin á celebración de aniversario.