A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega organiza o vindeiro 2 de
outubro, xoves, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, as VIII Xornadas
Técnicas. As sesións buscan seguir afondando nas caraterísticas da carne de
vacún de calidade e en todos aqueles aspectos relacionados co manexo,
optimización de procesos, divulgación, promoción e consumo da carne que ampara
a Denominación. A xornada, enmarcada esta edición no programa conmemorativo do
XXV Aniversario de Ternera Gallega, pecharase cun xantar de exaltación para
todos os participantes nas sesións.
A apertura da xornada, ás 10 h, estará a cargo dun representante
da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, que falará das
Denominacións de Orixe Protexidas (DOPs) e Indicacións Xeográficas Protexidas
(IXPs) no Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia. Un voceiro da Asociación
Española de Produtores de Vacún de Carne (ASOPROAC), continuará os relatorios
situando o segmento das carnes de vacún de calidade no marco da nova Política
Agraria Común (PAC); e da influencia e perspectivas para a IXP Ternera Gallega
neste contexto.
Un docente do departamento de Produción Animal da
Universidad Politécnica de Madrid abordará os factores que determinan e
caracterizan a calidade da carne de vacún certificada por Ternera Gallega.
Dúas exposicións relativas ao consumo de carne de calidade e
factores influintes proseguirán a xeira de sesións: por un lado, abordaranse as
características organolépticas e nutricionais. Doutra banda, a influencia dos
procesos tecnolóxicos e culinarios chegará da man do mundo da restauración en
Galicia.