Turismo, os máis mellores do mundo mundial

Os datos da evolución do sector turístico nos meses de verán confirman, segundo explicou o presidente da Xuta, que o comportamento turístico de Galicia  desde a Semana Santa de 2014 está “nunha liña clara de mellora”, polo tanto, dixo, “continúa a liña ascendente de número de viaxeiros, de número de pernoitas e de ocupación dos establecementos en Galicia”.  

Feijóo precisou que, segundo a sondaxe feita ao sector, o nivel de ocupación medio acadou o 70,6% para o conxunto dos hoteis da Comunidade, é dicir, case catro puntos porcentuais por enriba das cifras obtidas o pasado ano, cando a sondaxe interna arroxou unha ocupación media do 66,7% para toda Galicia.

Nesta mesma liña, subliñou que os establecementos de tres a cinco estrelas son os que presentan mellor valoración en termos relativos, sendo salientable que a percepción positiva se estende a todas as categorías hoteleiras.


Esta boa tendencia non só se confirma no nivel de ocupación, senón tamén coa propia percepción que o sector ten da situación vivida no verán. Así, sete de cada dez establecementos consideran que manteñen ou melloran as cifras de ocupación respecto ao verán de 2013.