A directora de Turismo, Nava Castro, asinou hoxe en Madrid un acordo de
colaboración coa Asociación Española de Estacións Náuticas, polo que o
departamento que dirixe investirá un total de 20.000 euros na promoción da
Estación Náutica de Galicia, a través de distintas accións de difusión e apoio
á comercialización deste espazo situado nas Rías Baixas e cuxa sede se atopa no
Porto Deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo. No acto de rúbrica do acordo tamén
participaron os representantes de Turismo de Andalucía, Cataluña, Ceuta,
Comunidade Valenciana e Comunidade de Madrid.
Segundo o convenio asinado hoxe, desenvolverase un programa de accións
encamiñadas á canle, con vistas á comercialización indirecta, e outras ao
consumidor, co obxectivo de xerar tráfico e vendas directas no portal da Asociación
Española de Estacións Náuticas (AEEN).